cartafol de silencios"Tira mis sueños a la calle, y la lluvia los hará crecer". Sergi Puertas. |
![]() |
|
Se muestran los artículos pertenecientes a Julio de 2004. 01/07/2004 xoves 1-7-04"basquiat" jean michael basquiat foi un pintor maldito que escribía frases nas rúas. morreu de sobredose de heroína ós vintesete anos. non foi feliz, porque pensaba demasiado. mércores 30-6-04 "minúscula" escribo en minúsculas para nunca esquecer o pouco que son dentro dun mundo tan enorme. martes 29-6-04 "ciclo gris" hai días que me levanto sentíndome feliz, completa e, logo, ó chegar a noite, torno indescriptible e tan cinsenta como as cabichas dos meus cigarriños. luns 28-6-04 "onde está Rick Blane?" a literatura, o cine e a música teñen a culpa da maioría dos soños frustrados da xente, de todos aqueles que saen á rúa na procura dun Rick Blane que nunca chega. 01/07/2004 19:47 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. 04/07/2004 domingo 4-7-04"o amigo que soñaba con ser Steve Mcqueen" o amigo pasaba as tardes da infancia golpeando contra a parede do cuarto unha pequena pelota, recolléndoa despois. soñaba con ser Steve Mcqueen en A gran evasión. hai veces que me pregunto se é feliz sendo quen é agora. hai días nos que eu tamén me pregunto o mesmo sobre min. sábado 3-7-04 "lost in translation" ás veces síntome como a protagonista do filme da Sophia Coppola. vives nun lugar rodeado de xente por todas partes, pero a penas atopas con quen poder comunicarte. hai días deses que pesan, noites mais ben, nos que repaso a miña axenda do teléfono móbil na procura de cuspir palabras. e sei que entre eses douscentos números tan só existen unha ou dúas persoas que saiban escoitar. premo entón unha a unha as teclas e colgo antes do sinal, covarde, por tódalas cousas que non sei dicir. venres 2-7-04 "a escala do paraíso" nacín en Vilatriste, un lugar tan agochado que semella non existir. alí nunca pasa nada. ninguén con quen falar. entón, un día, apréndenme o camiño cara un paraíso afastado e segredo, cheo de cores, onde fuxir cando as cousas van mal. dende aquela estudio as súas coordenadas para non esquecelo xamais: cando rescatas un oase no medio e medio do deserto temes perdelo na escala do teu mapa. 04/07/2004 18:38 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 05/07/2004 luns 5-7-04mi vida sin mí hai filmes tan achegados ás nósas vidas que resultan inolvidables. por iso sempre lembrarei esa secuencia da peli da Coixet, na que Lee agarda calado a que Ann esperte naquela lavandeiría. cando saín do cine aquela noite só tiña ganas de pisar a herba mollada pola choiva e berrar por tódalas cousas caladas. 06/07/2004martes 6-7-04 "deus sentado no ceo azul" el era un escritor nas portas da vellez. eu unha adolescente a piques de se facer adulta que quería ser escritora. agasalloume co regalo máis importante que me podía ofrecer: o tempo e as palabras. tíñao idealizado. morreu de súpeto hai poucos anos, de madrugada. lémbrome moitas veces del, mais dun outro xeito: co tempo os grandes deuses de outrora convírtense en persoas de a pé, tan correntes como as túas miserias de cada día. 06/07/2004 19:10 Enlace permanente. Hay 3 comentarios. 09/07/2004mércores 7-7-4 "regreso" al lugar donde has sido feliz, no debieras tratar de volver. Sabina tiña razón 09/07/2004 13:27 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. xoves 8-7-04 "imaxes" sempre temín os bos recordos: cando chega o baleiro e non sabes cómo afrontalo, as imaxes do pasado tornan tan afastadas que temes esmagalas e non recuperalas xamais. 09/07/2004 13:32 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. venres 9-7-04 "o día que miña avoa me descubriu a Rivas". ela viña dunha viaxe a Camariñas que organizaran as mulleres rurais de Vilatriste. deume un libro e dixo "toma; regaloumo un escritor que nos convidou a comer fabas na súa casa". era Mohicania, unha edición difícil de atopar. lin aquel libro unha, mil veces. tiña quince anos. non souben quén era Rivas ata varios anos despois. hai uns meses atopei un artigo seu en A nosa terra no que lembraba esa tarde de fabas na súa casa. linllo á miña avoa. escoitoume en silencio. sorriu. 09/07/2004 12:09 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. 12/07/2004sábado 10-7-04 "tempos de silencio" Xapón está a ser un dos países con maior índice de suicidios . moitos acuden ás montañas máis altas ou aproveitan as vías do metro para remataren cos seus pantasmas. quizais os suicidas somentes precisaran ter alguén con quen falar. vivir rodeados de xente e, nembargantes, sentirnos sós: velaí reside a traxedia máis decadente da era da comunicación. 12/07/2004 17:59 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. domingo 11-7-04"a dictadora" tarde de fotos a unha mosca que se pousaba na ventá. atrapámola dentro dun vaso para que non fuxira. ó rematar, esquecímonos dela. quedou alí encerrada, toda a tarde. cando me lembrei e a soltei fóra sentínme unha verdadeira dictadora. 12/07/2004 18:51 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. luns 12-7-04"casualidades" Paul Auster, o narrador de coincidencias: caeu nas miñas mans, de casualidade, e agora xa non podo despegarme del. 12/07/2004 18:10 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 26/07/2004martes 13-7-04 "datas" é día especial. ás veces penso que debería esquecer as datas parvas que nembargantes foron importantes. non leva a ningures; tan só sirve para mancar un pouco máis por dentro. 26/07/2004 18:42 Enlace permanente. Hay 5 comentarios. mércores 14-7-04 "o eucalipto" a vila onde nacín está tan agochada que a penas ten cartaces para sinalar os lugares. cando alguén quere atopar a miña casa debo indicarlle da seguinte maneira. " ... e cando chegas á hermida vallada, torces á dereita, xusto no cruce que ten ese enorme eucalipto". 26/07/2004 19:38 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. xoves 15-7-04 "Compostela" Compostela é distinta. vivir aquí múdame o carácter. saír á rúa e ver xente axuda cando precisas desconectar. nunca soportei o silencio máis de dúas horas. prefiro o ruído das tardes, a xente polas ruachas, estender a man a través da fiestra e sentir coma se puidera modelar os edificios. 26/07/2004 19:39 Enlace permanente. Hay 4 comentarios. venres 16-7-04 "radio" hai catro anos lía artigos na radio. recibía cartas de oíntes que me contaban cousas da súa vida: asustoume comprobar a cantidade de xente que se sinte soa. 26/07/2004 18:44 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. sábado 17-8-04 "o día que descubrín o agochado segredo das nubes" de cativa cría que as nubes estaban feitas de algodón. un día díxenlle á mestra "eu quero viaxar en avión para abrir a ventaíña e levarme unha nube a casa e colgala dun cordel, na habitación". explicoume o por qué de non poder cumplir ese soño. creo que esa foi unha das primeiras perdas de inocencia que lembro. 26/07/2004 19:36 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. domingo 18-7-04 "nada" tarde en branco. nada que facer. país de silencios onde todo segue igual. o ceo está gris. hoxe tampouco quere sair o sol. 26/07/2004 18:46 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. luns 19-7-04"sorrí, Lois" sobrevoabas un día o meu espacio aéreo rozándome coas plumas levemente e desaparecías cun rumor minguante como a visión dun soño fracasado. versos de Lois Pereiro, que afirmaba o seguinte "se alguén, cun poema meu, meditase sobre a súa vida e autodignidade, eu sería feliz. a min sérveme para salvarme do meu propio espírito". sorrí entón, Lois, dende onde queira que esteas, por tódalas cousas que me fas entender. 26/07/2004 19:30 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. martes 20-7-04"de vida e ficcións" un dos meus filmes favoritos é Deseando amar. síntome como o protagonista da historia, que baleiraba os seus segredos en pequenos buracos que atopaba nas paredes. ás veces creo que podería resumir a miña vida montando fotogramas de películas, tan intensas como tódalas cousas que calo. 26/07/2004 20:54 Enlace permanente. Hay 1 comentario. 27/07/2004 mércores 21-7-04"asasinatos silenciados" fumar mata, empéñanse en repetir os de arriba, como unha condena. e é certo. mais ninguén censura a maquillada ignorancia na que procuran sumirnos. quizais porque dese xeito resulta máis doado o silencio das masas, o autosuicidio colectivo do pensamento do que eles non falan. porque as cousas que non teñen nome é coma se non existiran. os silencios non sempre son bos; tamén é preciso berrar. 27/07/2004 20:20 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. xoves 22-7-04"historia de desertos" a novela de Dino Buzzati, O deserto dos tártaros, é máis que unha historia de guerra, máis que unha historia de lealdade amiga, moito máis que a historia dun home perdido nun lugar recóndito. sobre todo fala da soidade ontolóxica e o silencio. porque todos nacemos e morremos sós. nunca nada tan sinxelo resultou tan difícil de asumir. 27/07/2004 20:28 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. venres 23-7-04 "escribindo diálogos de madrugada" -es feliz? preguntáballe un día John a Shelma. -ás veces, só ás veces; na maioría das ocasións sinto un estraño desgarro por dentro que me provoca un enorme baleiro. -acabas de entender o verdadeiro senso da vida: sen dor as cousas positivas non teñen sentido. Shelma fitouno cun interrogante. -estamos entón condenados ó fracaso? -non, equivócaste, estamos condenados a lembrar eternamente os bos momentos. anoitecía xa, e ó lonxe da praia podían contemplarse gaivotas que voaban dun lugar ó outro. Shelma soterraba a modo os pés na area, coma querendo agochalos. -sabes? dixo ela. agora mesmo son feliz aquí, contigo. e apertouno forte para non esquecer. 27/07/2004 19:47 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. sábado 24-7-04 "outono en Compostela" seica hoxe é día grande en Compostela. agóbianme as aglomeracións, como contemplar o lume de artificio apiñada no Obradoiro entre milleiros de turistas. prefiro as tardes de outono tranquilas, cando o frío comeza a chegar pero inda non chove, perdéndome por ruachas onde a penas pasa xente. 27/07/2004 20:23 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. domingo 25-7-04 "casa vella" hai uns meses visitei a antiga casa da infancia. decadencia e po por todas partes. uns desacougantes cadros de pallasos seguían pendurados do que fora o meu cuarto. sempre me asustaron. 27/07/2004 19:48 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. luns 26-7-04Michael Moore onte a tarde fun ver Fahrenheit 9/11, moi ó estilo da oscarizada Bowling for Columbine. de todo o documental quédome coa reflexión final na que se denuncia a necesidade de crear guerras polos que teñen o poder, ás que só van loitar as clases sociais máis baixas. un ciclo necesario para manter a xerarquía social que dende sempre fixo ós ricos máis ricos e ós pobres máis miserables. agardo que este documental logre abrir os ollos ós votantes estadounidenses. entrementres, pregúntome cándo teremos un Michael Moore galego que logre amosar sen tapuxos o absolutismo obsceno que governa a Galiza. 27/07/2004 20:04 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. martes 27-7-04 "maldigo" maldigo tódolos silencios que causan desacougo. e mil veces máis as palabras tardías. 27/07/2004 20:00 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 28/07/2004mércores 28-7-04 "palabras" resulta estraña ás veces a hora do café o ritual consabido de levar un cigarro á boca mentres trazas conversas baleiras coa xente nese días nos que hai medo á soidade. as palabras caladas, estrañas tamén. medo a deixalas escapar. non saber, non querer ou non poder pronuncialas. 28/07/2004 18:40 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar. 30/07/2004 xoves 29-7-04"os homes da miña vida" quédome con Ed Harris en Las horas, esa mirada quente que lle bota a Meryl Street antes de rematar coa súa vida enferma; quedei prendada del nese filme. tamén está o Kevin Spacey de Atando cabos , coa súa máquina de escribir, ideando portadas xornalísticas mentres intenta esquecer o pantasma da súa muller que inda lle ronda a cabeza. nunca lle agradecerei o suficiente a Isabel Coixet que me descubrira a Mark Ruffalo naquela lavandeiría, fitando intesamente a Sarah Polley durmida nun sofá. Ralf Fiennes, en O paciente inglés, ten toda a sensualidade dos que excitan a unha muller bicándoa na clavícula. gústame Paul Beante en Master and Commanders , onde fai o papel dun naturalista intelixente e delicado, con eses ollos pequenos e craros, tocando o violín. Geme Hackman é o último home duro da súa xeración. tamén está a estraña beleza de Takeshi Kitano en Brother, tan frío e fráxil ó mesmo tempo. son os homes perfectos da miña vida, os que nunca fallan, por seren ficcticios. a vida pasa, as cousas mudan, e eles continúan vivos eternamente, encarnados nos personaxes das súas películas. marcando o inicio dos soños, onde a ficción sempre ten cabida. 30/07/2004 17:50 Enlace permanente. Hay 1 comentario. "o ladrón de bicicletas" tantas páxinas gastadas en balde na procura de escribir un guión, cando nada máis tráxico houbo na historia do cine que o roubo dunha simple bicicleta. 30/07/2004 17:30 Enlace permanente. Hay 2 comentarios. |
Archivos
Enlacesa vida en fotogramaspalabras e palabras
|