cartafol de silencios

"Tira mis sueños a la calle, y la lluvia los hará crecer". Sergi Puertas.

martes, 18-1-05

"sobre pensamento e liberdade"

pertenzo, igual ca ti, á rama dos denominados "seres superiores" que pensan, e o pensamento faime ser distinta de ti e de todos, porque a través del formulo a miña propia teoría persoal sobre a vida que me rodea. ó crear a miña teoría quero crer que é a única, a verdadeira.

coido, coidaba, que as cousas, o mundo que me rodea, eran tal e coma eu os quería entender. o problema xorde cando descobres que as cousas, as teorías, tórcense ás veces, porque quedan moitos cabos soltos, imposibles de abarcar todos, imposible entender por completo o mundo con simples metáforas, palabras. porque a realidade torna sempre en símbolos que poden confundir. porque as teorías, como dicía Guy Claxton, fabrícanse e consúmense, son mercancías, non a verdade. grande pode ser unha formiga e pequena unha montaña se eu as vexo así. difícil pode ser comunicarse con mil páxinas escritas, doado cunha soa frase. e tamén ó revés.

e chega entón o día, a noite, na que espertas do teu soño. e ti, ser intelixente deste planeta, descobres as falacias da linguaxe, dos ollos, das flores; fermosa é unha flor, pensas. pero tan fea e triste nos cadaleitos dos mortos; pequena unha formiga, pero enorme cando a espreitas cunha lupa no medio e medio do xardín. grande pode ser o teu amor cara el, e triste e doloroso os días nos que só queres estar soa. ese descubrimento da verdade que non é tal, tan súbito, fai un buraco nas entrañas que permañece tan baleiro como as palabras que non atopas. e quererías deixar de ser esa raza superior que vive a través da linguaxe, das mentiras entón. a miña intelixencia tórnase, cos sentimentos, nunha conducta básica chea de instintos que deberían ser tan só reflexos, para non mancar.

gustarías ter somentes simples reaccións adaptativas ó medio. se sentir fai dano e o dano manca, aprendes da dor coma se fora un erro no que non queres volver caer. pero caes unha e mil veces. entón procuras, co tempo, que os teus actos se volvan máis básicos, saltando varias escadas da evolución. e no mesmo instinto descobres que sobrevive un xermolo de conducta non adquirida, a capacidade de precisar, de amar, de sentir. tan importante ou máis que a túa supervivencia, que comer ou durmir atópase o "eu", todo o que ti representas. e quererías reaccionar tan só con simples reflexos ó medio, coma se foras unha minúscula bolboreta que buscara luces acesas na noite. pero non podes desfacerte do pensamento.

velaí o teu grande descubrimento destes días: pensar fainos ser superiores ó resto dos animais. a linguaxe é relativa, e as verdades tamén. ser superior nos pode levar tamén ó camiño da inferioridade. sobrevives, si, comes, bebes, dormes, acordas, practicas o sexo. pero non podes curar o pensamento que tanto manca e do que es incapaz de protexerte, porque para o mesmo non existen as coirazas.

e cando o pensamento doe e fere no máis fondo do teu ser, espreitas esa bolboreta tan simple que voa entre as plantas do teu xardín, e sabes que o seu único obxectivo é a seguinte flor. comprendes, entón, quén é realmente máis libre das dúas. e non eslabón gañador non apareces ti.
19/01/2005 11:22

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario




No será mostrado.








Archivos

Enlaces

a vida en fotogramas

palabras e palabras

 

 
| cartafol de silencios
Suscrí
bete a este blog. RSS 2.0 Este Blog ha sido creado con Blogia. Ver derechos de autor . Estadísticas. Admin. [Blogia colabora con 1001 relatos.]