cartafol de silencios

"Tira mis sueños a la calle, y la lluvia los hará crecer". Sergi Puertas.

xoves, 27-1-05

"conto triste sobre os seus ollos claros"

a boneca que non sabía sorrir

el chama a ese número de teléfono.

ela di que lle levará vinte minutos chegar.

el acende un Ducados e dá voltas arredor do cuarto, nervioso, porque hai tempo que non o fai. porque hai tempo que non o fai el está nervioso.

ela chama á súa porta coma unha pantasma, vestida de negro.

el abre sen dicir nada, contemplando a súa beleza estraña.

ela observa os seus ollos claros fixamente, tan fríos que ten que apartar a vista, porque lle dan medo. e como lle dan medo necesita volver fitalos.

el está nervioso, porque hai tempo que non o fai. porque hai tempo que non o fai el dille que está nervioso.

ela pídelle que se tombe na cama, que xa se encarga de facelo todo.

el obedece en completo silencio.

ela íspese diante del antes de se acariñar os peitos, o sexo.

el sinte como algo duro comeza e emerxer só con contemplala.

ela encáixase a modo enriba del, pousándolle unha mamila sobre o bico da boca.

el recréase nos seus peitos pequenos, succionándoos ós poucos.

ela baixa a man e comeza a tocalo a modo, rozándose os corpos.

a el pónlle nervioso que ela non deixe de velo ós ollos.

ela susurra que non o coñece, pero que un ollar tan claro ten que agochar pantasmas.

el pregúntalle se ela é feliz. sabe que non debía telo feito, pero agora xa está.

ela responde que non lembra xa cándo foi a última vez que lle preguntaron algo semellante, e que seguramente por iso non o é.

el dille que non sabe se poderá facelo, que despois desa resposta non sabe se poderá facelo.

ela di que nunca vira uns ollos tan claros, e que de tan claros presinte que algo estraño vai pasar.

el apártase a un lado, arrepentido e suxo.

ela non entende nada, e como non entende nada ten ganas de chorar.

el confesa que ten a cabeza noutro sitio. que non pode facelo, sabendo que ela non é feliz xa non pode facelo.

ela bérralle covarde. porque lle preguntou se era feliz non acepta o seu rechazo.

el pídelle estar só, porque nada diso ten sentido. dille que hai unha billeteira sobre a mesa, que colla o que ela necesite, que os cartos non son un problema.

ela síntese máis suxa ca nunca, porque o quere ela síntese suxa. tira os billetes fóra e os queima con xenreira sobre o cinseiro.

el non di nada, porque a entende. porque a entende el non se atreve a dicirlle nada.

ela está espida e ten frío.

el érguese da cama e tráelle o vestido que ela deixara caer ó chan.

ela bérralle que o odia, que porque o ama tanto só pode odialo.

el non sabe qué responder, porque esqueceu cómo atreverse a sentir.

ela di que uns ollos tan claros só podían mancala. vístese calada e fítao intensamente antes de botar un sorriso forzado. un sorriso que el lle pide, para imaxinala feliz.

el contempla o corpo dela en silencio, tan delgado que semella unha fráxil boneca sen dono. unha fráxil boneca que pecha a porta daquel cuarto de motel con ollos de gata triste, en silencio.

el colle o caderno de viaxe, e comeza a escribir por vez primeira en moitos meses. e escribe que a bota de menos. que porque a bota de menos xa nada vai ser o mesmo de antes.

ela sube a un taxi.

chove fóra.

a través do cristal observa a toda esa xente que camiña pola rúa.

ninguén sorrí.
27/01/2005 15:02

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario




No será mostrado.








Archivos

Enlaces

a vida en fotogramas

palabras e palabras

 

 
| cartafol de silencios
Suscrí
bete a este blog. RSS 2.0 Este Blog ha sido creado con Blogia. Ver derechos de autor . Estadísticas. Admin. [Blogia colabora con 1001 relatos.]