cartafol de silencios

"Tira mis sueños a la calle, y la lluvia los hará crecer". Sergi Puertas.

Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2005.

03/01/2005

foto23b.jpgluns, 3-1-05

"felicidade"

desexáronme ser feliz os 365 días deste ano. polo de pronto, comeceino sustituíndo as uvas na Quintana por doce groliños de Jameson. logo, despois, hoxe, Rianxo; o mar, o reencontro cos amigos, coas conversas porque si. sempre foron as cousas cativas coma estas as que me fixeron sorrir.
03/01/2005 23:00 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

04/01/2005

izzystone.jpgmartes, 4-1-05

"Lulu on the bridge"

síntome como a rapaza deste filme de Paul Auster; ela tiraba aquela pedra máxica ó río, dende aquela ponte, porque de nada lle valía non poder compartila.
04/01/2005 21:32 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

05/01/2005

mércores, 5-1-05

"soa en Compostela"

esta merda de traballo, para poder continuar coa carreira e a miña vida construída ós poucos en Compostela. mátame ás veces. desexaría romper as botellas contra as paredes e vomitar por riba de tódolos clientes que veñen ó pub. ninguén interesante con quen falar. e esta noite, soa en Compostela. os Reis Magos seica non o eran tanto. e a mesma xente de sempre virá ó local para falarme das mesmas cousas de sempre. e aborrecereinos inda máis, coma sempre, antes de marchar camiñando ó novo piso, cos novos compañeiros. chegar ás seis, ducharme, cear algo diante da televisión. deitarme cando xa é día. durmir ata tarde. e mañá, falar cos de casa por teléfono, supoño. escribir algo ou ir ó cine para chorar agochada nunha das butacas. e o amigo que me di "dende a túa brillante madurez, xa sabes ben que a felicidade non existe: tan só os bos momentos". e eu sei que ten razón.
05/01/2005 18:01 Enlace permanente. Hay 3 comentarios.

17/01/2005

luns, 17-1-05

"rutinas ó Augusto Monterroso"

cando acordei, el non estaba alí.
17/01/2005 13:46 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

19/01/2005

martes, 18-1-05

"sobre pensamento e liberdade"

pertenzo, igual ca ti, á rama dos denominados "seres superiores" que pensan, e o pensamento faime ser distinta de ti e de todos, porque a través del formulo a miña propia teoría persoal sobre a vida que me rodea. ó crear a miña teoría quero crer que é a única, a verdadeira.

coido, coidaba, que as cousas, o mundo que me rodea, eran tal e coma eu os quería entender. o problema xorde cando descobres que as cousas, as teorías, tórcense ás veces, porque quedan moitos cabos soltos, imposibles de abarcar todos, imposible entender por completo o mundo con simples metáforas, palabras. porque a realidade torna sempre en símbolos que poden confundir. porque as teorías, como dicía Guy Claxton, fabrícanse e consúmense, son mercancías, non a verdade. grande pode ser unha formiga e pequena unha montaña se eu as vexo así. difícil pode ser comunicarse con mil páxinas escritas, doado cunha soa frase. e tamén ó revés.

e chega entón o día, a noite, na que espertas do teu soño. e ti, ser intelixente deste planeta, descobres as falacias da linguaxe, dos ollos, das flores; fermosa é unha flor, pensas. pero tan fea e triste nos cadaleitos dos mortos; pequena unha formiga, pero enorme cando a espreitas cunha lupa no medio e medio do xardín. grande pode ser o teu amor cara el, e triste e doloroso os días nos que só queres estar soa. ese descubrimento da verdade que non é tal, tan súbito, fai un buraco nas entrañas que permañece tan baleiro como as palabras que non atopas. e quererías deixar de ser esa raza superior que vive a través da linguaxe, das mentiras entón. a miña intelixencia tórnase, cos sentimentos, nunha conducta básica chea de instintos que deberían ser tan só reflexos, para non mancar.

gustarías ter somentes simples reaccións adaptativas ó medio. se sentir fai dano e o dano manca, aprendes da dor coma se fora un erro no que non queres volver caer. pero caes unha e mil veces. entón procuras, co tempo, que os teus actos se volvan máis básicos, saltando varias escadas da evolución. e no mesmo instinto descobres que sobrevive un xermolo de conducta non adquirida, a capacidade de precisar, de amar, de sentir. tan importante ou máis que a túa supervivencia, que comer ou durmir atópase o "eu", todo o que ti representas. e quererías reaccionar tan só con simples reflexos ó medio, coma se foras unha minúscula bolboreta que buscara luces acesas na noite. pero non podes desfacerte do pensamento.

velaí o teu grande descubrimento destes días: pensar fainos ser superiores ó resto dos animais. a linguaxe é relativa, e as verdades tamén. ser superior nos pode levar tamén ó camiño da inferioridade. sobrevives, si, comes, bebes, dormes, acordas, practicas o sexo. pero non podes curar o pensamento que tanto manca e do que es incapaz de protexerte, porque para o mesmo non existen as coirazas.

e cando o pensamento doe e fere no máis fondo do teu ser, espreitas esa bolboreta tan simple que voa entre as plantas do teu xardín, e sabes que o seu único obxectivo é a seguinte flor. comprendes, entón, quén é realmente máis libre das dúas. e non eslabón gañador non apareces ti.
19/01/2005 11:22 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

mércores, 19-1-05

"o poema que escribín detrás da foto"

lin unha vez "a ira fainos fermosos".
sabes que te odio
no baleiro que me causan os teus

silencios.

por iso me tes aquí,

olvidada:

amas demasiado a beleza.

podería asasinarte con furia.
fareino un día e, entón,
serei a máis fermosa de todas.
19/01/2005 11:21 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

20/01/2005

xoves, 20-1-05

"remexer nas entrañas"

Jameson, onte á noite. sentar nunha butaca ata que o wiski ferve e me remexe as entrañas. entón, as verdades comezan a tirar do teu subconsciente. e falas, sen medo a que te xulguen por ser sincera, logo de moito tempo. tanto tempo sen ser ti, que che doe ter que dicir as verdades bébeda. e el, ó que lle pides falar para tirar todos eses pantasmas que levas dentro, ó que a penas coñeces de nada. pero sabes que necesitas contarlle todo o que se che pasa pola cabeza. e non pode escoitarte, se cadra porque ten medo; se cadra porque ten medo di que non pode escoitarte, que é mellor agardar a outro día mellor para falar, que non é o momento. e o Jameson veña a remexer nas entrañas. e non te tambaleas pero dis a verdade. "non hai nada máis triste que unha voda", lembras que escribía o teu amigo. e non sabes por qué se che dá por lembrar esa frase, pero aparece. pasan das cinco da mañá e sabes que hoxe, por vez primeira en moito tempo, non hai nada máis triste ca ti.
20/01/2005 19:58 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

24/01/2005

CA8D6BU9.jpgluns, 24-1-05

"e entón descubrín a Alejandra"

no
las palabras
no hacen el amor
hacen la ausencia
si digo agua ¿beberé?
si digo pan ¿comeré?
en esta noche en este mundo
extraordinario silencio el de esta noche
lo que pasa con el alma es que no se ve
lo que pasa con la mente es que no se ve
lo que pasa con el espíritu es que no se ve
¿de dónde viene esta conspiración de invisibilidades?
ninguna palabra es visible

de Alejandra Pizarnik, poeta arxentina nada no 1936.
24/01/2005 18:26 Enlace permanente. Hay 3 comentarios.

27/01/2005

xoves, 27-1-05

"conto triste sobre os seus ollos claros"

a boneca que non sabía sorrir

el chama a ese número de teléfono.

ela di que lle levará vinte minutos chegar.

el acende un Ducados e dá voltas arredor do cuarto, nervioso, porque hai tempo que non o fai. porque hai tempo que non o fai el está nervioso.

ela chama á súa porta coma unha pantasma, vestida de negro.

el abre sen dicir nada, contemplando a súa beleza estraña.

ela observa os seus ollos claros fixamente, tan fríos que ten que apartar a vista, porque lle dan medo. e como lle dan medo necesita volver fitalos.

el está nervioso, porque hai tempo que non o fai. porque hai tempo que non o fai el dille que está nervioso.

ela pídelle que se tombe na cama, que xa se encarga de facelo todo.

el obedece en completo silencio.

ela íspese diante del antes de se acariñar os peitos, o sexo.

el sinte como algo duro comeza e emerxer só con contemplala.

ela encáixase a modo enriba del, pousándolle unha mamila sobre o bico da boca.

el recréase nos seus peitos pequenos, succionándoos ós poucos.

ela baixa a man e comeza a tocalo a modo, rozándose os corpos.

a el pónlle nervioso que ela non deixe de velo ós ollos.

ela susurra que non o coñece, pero que un ollar tan claro ten que agochar pantasmas.

el pregúntalle se ela é feliz. sabe que non debía telo feito, pero agora xa está.

ela responde que non lembra xa cándo foi a última vez que lle preguntaron algo semellante, e que seguramente por iso non o é.

el dille que non sabe se poderá facelo, que despois desa resposta non sabe se poderá facelo.

ela di que nunca vira uns ollos tan claros, e que de tan claros presinte que algo estraño vai pasar.

el apártase a un lado, arrepentido e suxo.

ela non entende nada, e como non entende nada ten ganas de chorar.

el confesa que ten a cabeza noutro sitio. que non pode facelo, sabendo que ela non é feliz xa non pode facelo.

ela bérralle covarde. porque lle preguntou se era feliz non acepta o seu rechazo.

el pídelle estar só, porque nada diso ten sentido. dille que hai unha billeteira sobre a mesa, que colla o que ela necesite, que os cartos non son un problema.

ela síntese máis suxa ca nunca, porque o quere ela síntese suxa. tira os billetes fóra e os queima con xenreira sobre o cinseiro.

el non di nada, porque a entende. porque a entende el non se atreve a dicirlle nada.

ela está espida e ten frío.

el érguese da cama e tráelle o vestido que ela deixara caer ó chan.

ela bérralle que o odia, que porque o ama tanto só pode odialo.

el non sabe qué responder, porque esqueceu cómo atreverse a sentir.

ela di que uns ollos tan claros só podían mancala. vístese calada e fítao intensamente antes de botar un sorriso forzado. un sorriso que el lle pide, para imaxinala feliz.

el contempla o corpo dela en silencio, tan delgado que semella unha fráxil boneca sen dono. unha fráxil boneca que pecha a porta daquel cuarto de motel con ollos de gata triste, en silencio.

el colle o caderno de viaxe, e comeza a escribir por vez primeira en moitos meses. e escribe que a bota de menos. que porque a bota de menos xa nada vai ser o mesmo de antes.

ela sube a un taxi.

chove fóra.

a través do cristal observa a toda esa xente que camiña pola rúa.

ninguén sorrí.
27/01/2005 15:02 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

28/01/2005

ver cara outro sitio.jpgvenres, 28-1-05

"foto"

ela fita co ollar perdido no pasado, allea á aperta del.
28/01/2005 15:08 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

31/01/2005

domingo, 30-1-05

"ollos azuis, pelo negro"

na madrugada do sábado, ollos azuis pelo negro outra vez, como naquela novela de Margarite Duras. e el que te saúda e non sabes qué dicir. tan só buscar o mellor intre para marchar, fuxir. o máis sinxelo.
31/01/2005 14:22 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

Tangencias.jpgluns, 31-1-05

"tanxencias"

varias historias de amor, con sexo de por medio. todas rotas. todas dorosas. todas ancoradas nas lembranzas do pasado. o home que observa o seu vaso de wiski cando ela o abandona; a muller que regresa sempre que está triste ó mesmo lugar onde se deitou con el... pequenos relatos escritos e debuxados por Miguelanxo Prado, para chorar en silencio as tardes de domingo.
31/01/2005 14:26 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.




Archivos

Enlaces

a vida en fotogramas

palabras e palabras

 

 
Enero 2005 | cartafol de silencios
Suscrí
bete a este blog. RSS 2.0 Este Blog ha sido creado con Blogia. Ver derechos de autor . Estadísticas. Admin. [Blogia colabora con 1001 relatos.]