cartafol de silencios

"Tira mis sueños a la calle, y la lluvia los hará crecer". Sergi Puertas.

Se muestran los artículos pertenecientes a Febrero de 2005.

01/02/2005

oblicua398.jpgmartes. 1-2-05

"a intuición de Sara"

... tirado do libro "Trazo de tiza", de Miguelanxo Prado, outra vez.
01/02/2005 10:59 Enlace permanente. Hay 3 comentarios.

03/02/2005

xoves, 3-2-05

"os anuncios da teletenda"

polas noites, de madrugada, permañezo no salón, fitando os anuncios da teletenda, na procura do sono. hai camas inchables, aparatos que che tiran do músculo sen esforzo, ordenadores de última xeración e faixas máxicas que reducen catro tallas. fito a pantalla en silencio, mentres a cidade durme e eu contemplo todas esas caras felices que sorrín dentro da caixa parva, coma monicreques que se mofaran de tódalas cousas que a esas horas se remexen, sen perdón, no máis fondo das miñas entrañas.
03/02/2005 13:34 Enlace permanente. Hay 1 comentario.

07/02/2005

domingo, 6-2-05

"escribir unha novela"

chegar ó derradeiro local aberto en Compostela. nove da mañá. un rapaz na fase REM do seu sono, tirado no sofá. e ti, que pides un Jameson que che sabe raro, pero non dis nada, porque a esas horas non te toman en serio. acomódaste contra a barra para gardar o equilibrio. e todo está tan escuro que non parece que sexa día. entón, dez e media, once da mañá. o rapaz aquel segue a durmir no sillón. ti xa non sabes bailar. sen moverte do teu lugar pídeslle á camareira un papel. e escribes, escribes a condición pésima do teu corpo, a sensación de falta de equilibrio, os baleiros que se apoderan do teu estómago. e ninguén do redor se decata do que fas, porque é demasiado tarde para facer preguntas. deberías vomitar, e vomitas sobre todo o papel, dun outro xeito.

realmente hai noites que serías capaz de escribir unha novela.
07/02/2005 17:51 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

12/02/2005

sábado, 12-2-05

"sonata en la menor"

de qué me vale o talento, a beleza os días que só sei quererme. el dime que debo ser máis dura, máis forte que todo o que me rodea. mais non o podo evitar. agardo ese intre no que nos atopemos, ti e mais eu, espreitando nas rúas que se torcen e conectan con outras, voltando a vista atrás cando se escoitan pegadas, erguendo a cabeza entre o ruido da música as noites que saio na túa procura, felicidade cabrona, e non estás.

non estás.

faltaches á nósa cita, coma sempre dende hai demasiado tempo.

de qué me vale a cordura, de qué as palabras, de qué os meus ollos grandes pintados de negro, se remato as noites enfrontándome ós espellos de baños escuros, preguntándome onde estou realmente.

que non, que a vida tiña que ser outra cousa, que te boto en falta cando non estás para suxeitarme forte da man. o mundo sen ti é unha enorme escultura grega sen alma por dentro. pero a felicidade non escoita. asoma o seu rostro un intre escaso desvelando os segredos de Pandora, facéndome crer que esta vez regresou para quedar. e entón chega ese momento dramático do pathos no que desaparece, e nin a súa sombra é quen de mudar o baleiro que deixa o rastro do seu recordo.
12/02/2005 19:48 Enlace permanente. Hay 4 comentarios.

17/02/2005

xoves, 17-2-05

"o outro curriculum"

e redactas o teu curriculum nun papel, ordenando os escasos éxitos profesionais da túa vida en datas, números, reseñas, cursos, conferencias e demais cuestións aburridas. e pensas nas moreas e moreas de cousas importantes que de verdade che gustaría dar a coñecer a todos eses homes grises que visten de garavata.

-chámome Sara. Sara Jess.

-escribo.

-sei ler nos ollos da xente.

-un día vin cómo saía das súa crisálida unha bolboreta.

-ás veces non sei sorrir.

-bebo wiski cando saio e sinto que a xente non sabe escoitar.

-gústanme as historias de Paul Auster.

-un día regaláronme III poemas nunha estación de trens.

-de cativa soñaba con poder acariñar un elefante.

-cústame moito durmir sen ter a radio acesa.

-a soidade faime dano.

cousas demaisado importantes como para que alguén as almacene enriba do escritorio dun despacho, antes de pronunciar a consabida frase de "xa te chamaremos".

nunca han saber.
17/02/2005 22:16 Enlace permanente. Hay 4 comentarios.

24/02/2005

mércores, 23-2-05

"bocetos de Aquí".

fráxil e elegante coma unha bailarina que trazara pasos de baile nun acantilado. así é Aquí. apareceu por sorpresa, como case sempre pasa coas mellores cousas nesta vida, confundida entre os abismos do silencio. ás veces asoma a súa voz para susurrar segredos ó oído, como naquela canción de Tom Waits. tamén escribe. para entenderse. para que a entendan. lela é redescubrir Repúblicas esquecidas, ou oases agochados no deserto de Mojave.

faime ser máis triste os días que todo é malo, e tamén esbozar un sorriso cando todo é peor. coma unha pantasma agochada no aire aparece e desaparece, deixando o rastro das súas labirínticas pegadas.

son estes tesouros os que me fan entender que inda nos quedan as palabras. e todo o que baila arredor delas.

gracias, Aquí.

pantasma. bailarina. colleitadora de silencios.
24/02/2005 21:29 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

xoves, 24-2-05

"ideando vidas"

pedíronme hai poucos días desenvolver un proxecto de guión para antes deste luns. idear unha historia, con personaxes, presentación, nó e desenlace. así que levo varios días durmindo mal, dándolle voltas a unha historia sobre un personaxe solitario e triste que decide mudar por completo a súa vida coa esperanza de que todo mude a mellor. céntrome nos personaxes, (acendo un cigarro), imaxino as súas caras, (fito pola ventá), penso nas súas teimas, (as paisaxes a través do espello retrovisor). e, de súpeto, están aí, falándome ó oído. achéganse ó carón da miña cama para pedirme que lles siga dando vida, que non me durma, que precisan saír do ventre dunha vez por todas. insomnio. penso nos malditos prazos, que rematan o luns. non, que non sei se vou poder coa historia. érgome, acendo a luceciña do flexo antes de fitar de novo pola ventá. entón é cando decido que o guión terá unha resolución decadente:

nunca me gustaron os finais felices das películas norteamericanas.
24/02/2005 21:28 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

25/02/2005

images.jpgvenres, 25-2-05

"o que queda de min"

quén son
cando me pregunto as cousas que esvaran
cando aquí sentada agardo e me pregunto
as cousas que esvaran
e algo se me perde
entre os dedos,
sen remite
nin lugar de referencia onde recoller
os anacos perdidos do que queda

de min.
25/02/2005 22:25 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

27/02/2005

domingo, 27-2-05

"conto tardío"

a personaxe principal non precisa nome, porque podería ser calquera lector.

ela chega tarde ó cine, outra vez. coma sempre, ela chega tarde a todas partes. tanto que el, o home de hai moito tempo, aparece collido da man doutra na saída da primeira sesión.

-ola, di el, sorprendido de vela.
-ola, responde ela, covarde.

xa non falan máis.

non lle mancou o encontro, e iso é o que lle fai dano.

quizais porque sabe que ela chegou demasiado cedo á vida del, hoxe é xa demasiado tarde para os dous.
27/02/2005 20:16 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

28/02/2005

Casablanca2.jpgluns, 28-2-05

"Secuencia 1. Interior Tarde Día"

(remexendo vellos papeis veume o recordo daquel encontro á memoria, coma se fora a secuencia dunha vella película dos anos corenta).

chovía. petei na súa porta, mollada. abriu, nervioso, sen saber qué dicir. logo falamos toda a tarde. el asasinaba en cada silencio as orixes da súa tristeza. "gracias por sacarme do burato", dixo ó nos despedir. disto hai xa máis de seis anos. el era maior ca min, e supoño que iso me asustaba. queríao. nunca o soubo. creo que el tamén.

nin eu era Ilsa Lazlo, nin el Rick Blane.
28/02/2005 09:35 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.




Archivos

Enlaces

a vida en fotogramas

palabras e palabras

 

 
Febrero 2005 | cartafol de silencios
Suscrí
bete a este blog. RSS 2.0 Este Blog ha sido creado con Blogia. Ver derechos de autor . Estadísticas. Admin. [Blogia colabora con 1001 relatos.]