cartafol de silencios

"Tira mis sueños a la calle, y la lluvia los hará crecer". Sergi Puertas.

Se muestran los artículos pertenecientes a Julio de 2005.

01/07/2005

venres, 1-7-05

"incomunicación"

dime que falo moi baixo, demasiado baixo ás veces. xa mo sinalou moita xente.
tamén puntualiza que cando bebo o volume entón atordoa.
sei que serea calo moitas cousas,
e que bébeda falo de máis.
non me gusta ningunha das dúas opcións.
a miña educación naceu no ventre da incomunicación.
ninguén ten a culpa. supoño que os pais non nacen aprendidos.
supoño que os fillos tampouco.
como resultado de tantas veces que calei
agora escribo.
non sempre me gusta nin me fai sentir ben.
pero si que me axuda a estar mellor.
a entender
tódalas veces que falo pouco
ou tanto
que non me chega a voz
para aproveitar todo ese tempo do que non lembro
o eco das palabras cando quería expresarme
e non sabía cómo.

velaí xermola entón a orixe dos meus silencios.
01/07/2005 21:07 Enlace permanente. Hay 5 comentarios.

08/07/2005

venres, 8-7-05

"entendemento"

de ónde esta sensación de astío cando con rotundidade me dis o que pensas, sen tregua.
é que non te decatas de que eu inda son unha principiante
navegadora de estrelas?
ás veces creo que sobrevaloras todo o que agardas do meu pensamento.
e, de tan esixente, fasme máis forte.
08/07/2005 22:53 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

10/07/2005

domingo, 10-7-05

"de hipocresía e prostitución"

ela exerce o traballo máis antigo que existe. traballa pola súa conta. bela, quizais envellecida antes de tempo, con "v". nunca viste nada que lle chegue máis abaixo dos xeonllos. e triste. tamén é triste vela, inda que sempre sorrí.
crea comentarios malévolos da xente alá por onde pasa, sobre todo das mulleres, quizais porque os homes se fixan nela.
a súa fermosura vese tapada polos afeites que a fan parecer artificial, coma unha Barbie plastificada lista para ser mercada.
sei que é nai.
baila ó ritmo da música de xeito monótono, coma un pato, movendo os brazos de xeito estraño.
altiva ás veces cando se achega a pedir unha copa, coma se eu tamén a xulgara. coma se eu tamén.
só podería botarlle en cara que non fora feliz.
polo demais, o resto son envexas falseadas de tintes retrógrados.
sexo con quen ela queira. cartos a cambio. a erótica do poder.
inda que ningunha muller de ben o recoñecerá nunca,
quizais ese sexa o soño erótico de moitas.
10/07/2005 08:25 Enlace permanente. Hay 1 comentario.

14/07/2005

ritahayworth-gilda1.jpgxoves, 14-6-05

"amada Gilda"

cando algo vai polo lado contrario, lémbrome de ti naquela fonte, despeitada.
a Glenn Ford non lle chegaban os ollos para mirarte.

put the blame on mammy...
14/07/2005 20:52 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

15/07/2005

venres, 15-7-05

"nómada"

en constante movemento e cambio. a pesar do estancamento. esta son eu ultimamente.
sen casa propia, movéndome hoxe catro días fóra para traballar nalgo que intelectualmente non me aporta nada. e está ben ir ó cine, ver teatro por aí, ler un bo libro e saber das últimas novidades culturais, pero ti non fixeches nada, non participaches en nigunha delas. e é coma se o reloxo vital turrara de ti de xeito constante.

tic-tac tic-tac tic-tac tic-tac

e, ante a pregunta de onte, cómo vai a tua vida?, qué responder.
nómada.
son unha nómada sen dereito a territorio que busca o seu oco no salvaxe oeste.
15/07/2005 13:19 Enlace permanente. Hay 4 comentarios.

20/07/2005

neruda_2.jpgmércores, 20-7-05

"de vestimenta e corazón"

(...) Las gentes cruzan el mundo en la actualidad
sin apenas recordar que poseen un cuerpo y en él la vida,
y hay miedo, hay miedo en el mundo de las palabras que
designan el cuerpo,
y se habla favorablemente de la ropa,
de pantalones es posible hablar, de trajes,
y de ropa interior de mujer (de medias y ligas de “señora”),
como si por las calles fueran las prendas y los trajes vacíos por
completo
y un oscuro y obsceno guardarropas ocupara el mundo(...)

e quen dicía que Neruda era un cursi?
eu descubrino hai un par de anos, nun encargo de documental no que participara.
hoxe, relendo vellas cartas, atopeime con este anaco de poema.
e gustei.
e seguiu dicíndome cousas.

invítovos a que o redescubrades tamén. recomendable Residencia en la tierra.

gracias, Pablo.
20/07/2005 16:42 Enlace permanente. No hay comentarios. Comentar.

28/07/2005

MOS1.jpgxoves, 28-7-05

"Ítaca"

desaparecida entre a choiva da cidade
renazo entre as cinzas da civilización.

días.
días e mais días, con tódalas súas noites soitarias
cando volves a Ítaca mais Ítaca non regresa
porque xa non é a mesma,
xa non a Ítaca soñada de herba,
cando te tumbabas no xardín hai anos,
tantos que os maldices por quedaren atrás.
cando te tumbabas, dixen,
e sentías a herba entre as mans,
e o ceo,
a calor do sol contra o pel,
e o mundo a penas era máis que iso.
lembro a frescura da herba,
si, e os días felices,
felices porque máis alá do horizonte de nubes
non existía máis.
non existía máis.

non

existía

nada

máis.

Ítaca soñada, fraude contemporáneo de min mesma
porque xa non, xa non volverei a ser aquela.
porque a herba é agora perecedeira,
e tras do sol sei, agora sei,
unha chuvieira esmagará a calor para esmagalo todo
con fracasos pequenos coma punzadas de moscas
nas tardes do verán.
e, de pé, nos autobuses urbanos,
sinto o cheiro forte do perfume con gotas de suor
dunha señora vella que perdeu a fermosura
hai tanto que xa non lembra.
e os edificios tristes soñan con tocar o ceo alá fora,
onde a xente é toda igual,
coma exércitos de formigas escavando longos tuneis
cara o inferno das entrañas,
antes de maldicírense por non,
por non sentir a herba.

xa non.

Ítaca maldita. e maldita Penélope.
reclamo o meu dereito
a que ninguén me agarde na arribada.
reclamo o dereito a estar soa.

eu ía prolongando a viaxe de volta
cara a Ítaca afastada á que non quería regresar.
lembro a frescura da pedra nas rúas
e a noite na que borracha maldicín
todo o que amei
berrando que quería ser eu, quería ser eu.
mais a realidade rematou inundando o meu canto
nas portas do mencer.

non, non sempre agardas o regreso.
porque tamén o camiño pedregoso axuda a entender
que a viaxe é a escusa para a búsqueda.

Ítaca non é máis que a arribada.

maldita. maldígote a ti, lingua,
a ti, imaxinación,
maldigo o desexo e a melancolía daqueles anos de nena.

porque eu non, xa nunca serei a mesma.
28/07/2005 13:15 Enlace permanente. Hay 2 comentarios.

29/07/2005

kokoschka_ritratto.jpgvenres, 29-7-05

"Kokoscha, Carson McCullers, medos e outras divagacións"

unha noite máis, das últimas de xullo.

Señora Beba, nos Valle Inclán. outro filme arxentino que plasma a realidade cotiá da crise que vive o país.
despois, falar da importancia das distintas formas de acariñar, no Taquilla (eu non estou dacordo co meu amigo nadador, non hai nada máis especial que un bo filme compartido). despedida. dáme outro. e mais unha aperta.

traballo. o pub baleiro de xente. debo ser a única parva que pasa o verán en Compostela. repartir publicidade do local pola rúa, xunto coa miña compañeira. temos unha relación de amor odio. nunca pensamos igual sobre as cousas, pero entendémonos. e eu veña a dicirlle, imos tomar algo ó Ambigú, que temos moito tempo para repartir publi. e ela que acaba facéndome caso. non estaba o camareiro de sempre que sempre escoita cando as cousas van mal. pero estabamos nós. cervexa. e eu que lle falo do meu colega que está pasando por unha mala racha. e ela que me recomenda os libros de Carson MacCullers. que xa os lerás. que xa me contarás de todo o que che guste e o que non che guste. non che parece incrible que ó que eu lle chamo vermello e ó que ti lle chamas vermello sexa, sen embargo, algo que vemos de forma distinta as duas?, pregunta. e tiña razón. ela estudia Historia do Arte e viviu unha longa tempada en Edimburgo. falaba emocionada do cadro de Kokoschka "Retrato dun artista dexenerado". e xa enlacei con Schiele. ela aseguraba que tiña unha forte carga erótica. eu intentaba demostrar que todo ese erotismo que ela contemplaba para min non era máis que unha plasmación decadente das trabas morais da época.

pagamos as cervexas. saimos repartir publicidade. a xente que sae de noite é toda igual. ó regresar ó local un home de mediana idade fixo un comentario sobre as miñas tetas e non souben qué contestar. hai veces que asasinaría ós clienes un a un. outras atopo casos afortunados de persoas que inda valoran o pracer de chegaren soas a un local, tomar unha copa en silencio, observar e marchar. sempre que me toca traballar plantéxome mudar. de traballo. de vida. pregúntome qué fago alí, entre o ruído dunha música que non soporto. pregúntome se realmente chegarei ser quen eu quero ser. e trastócame por dentro. e faime ser máis débil, ás veces. outras máis forte.

chego ó piso alleo. alguén dorme en silencio, coa fiestra aberta ó ruído do tráfico que comeza a circular xa. péchoa. pensando en todo isto cústame durmir. pola mañá non se despiden de min. esperto e o piso está baleiro.

sento a escribir.
29/07/2005 14:33 Enlace permanente. Hay 6 comentarios.




Archivos

Enlaces

a vida en fotogramas

palabras e palabras

 

 
Julio 2005 | cartafol de silencios
Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras; Emprendedor ven a Iniciador Aragón.